A primeira noticia das traíñas en Redondela atópase no semanario local "El Pueblo" de 26 de maio de 1.898:
"Crendo as vendedoras que a sardiña que chegaba ó mercado fora pescada coa traíña, esmagaron cos seus pés a mercadoría, botándoa polo chan."

Posteriormente, o 24 de decembro dese ano, hai unha impoñente manifestación en Redondela contra do uso das traíñas na ría á que acudiron unhas tres mil persoas. Os mariñeiros redondeláns vían prexudicados os seus intereses, xa que a maioría utilizaba a xávega e outras artes antigas que lles brindaban bos beneficios pero non podían competir en igualdade de condicións cos que utilizaban a traíña.

Homes nunha traiña
Homes nunha traiña

En febreiro de 1.900, os mariñeiros calculan as perdas anuais, por culpa das traíñas, gracias ó baixo prezo do peixe, en duascentas mil pesetas de aquela época. Como consecuencia do malestar dos mariñeiros, ó mes seguinte hai unha interpelación no Congreso, por parte do deputado a Cortes sr. Vincenti, ó Ministerio de Mariña respecto do uso da traíña nas rías.
En marzo dese ano, debido ó exceso de sardiñas na praza do peixe, véndense a baixo prezo para abono, provocando un fedor descomunal na Vila polo acaparamento do peixe, por parte de varios particulares.
A cousa empeora e en xuño de 1900, a "Liga de Contribuyentes" telegrafía ó deputado Francisco de Federico: "Liga Contribuyentes prega a vostede apoie intereses petición comisións que se atopan aí xestionando abolición das traíñas, facendo presente nosa protesta ante Presidente Consello Ministros do manifestado conserveiros Vigo. Asinado: O presidente, Amoedo."

Como consecuencia das protestas e manifestacións polo uso da traíña, O Ministerio da Mariña, en xullo de 1900, dicta unha Real Orde que di: Que queda suspendida a matrícula de traíñas ou cercos de xareta nos portos do litoral comprendidos entre o cabo Fisterra e o río Miño e no distrito de Sada, e prohibida a pesca con ditas artes nas zonas marítimas, mares territoriais ou augas xurisdiccionais do litoral mencionado....Que se proceda a constituír unha comisión especial, que se determinara...a fin de que, en unión das xuntas de pesca das provincias marítimas de Galicia e departamento de Ferrol, reúna os datos necesarios para establecer unha regulamentación orgánica e definitiva da pesca da sardiña nas costas ás que se refire esta Real Orde...

No porto
No porto
E no ano 1900 cando se rexistra o primeiro naufraxio dunha traíña no mar de Vigo de nome "MARUJA".
Máis tarde, debido a abundancia de sardiña na ría e que coa traíña conseguíanse grandes sumas, os mariñeiros decidíronse poñer en igualdade de condicións e comprar a nova rede de xareta e as lixeiras embarcacións propias para a mesma.
Coa implantación das traíñas nas rías, naceu un deporte de supervivencia: quen primeiro chegaba a porto vendía todo o peixe a bo prezo e os que chegaban despois recibían peor recompensa, se supón que os derradeiros terían que vender a baixo prezo para esterco, chegando incluso a perder cartos.

Se supón que isto tamén influiría no posterior descenso de sardiña nas rías, debido a unha pesca intensiva por parte das traíñas.
A proliferación das traíñas nos pobos mariñeiros nótase tamén nos accidentes marítimos, contabilizándose entre 1900 e 1934, un total de 10 naufraxios, destacándose o da "LEONOR", matriculada en Cangas, que en 1907 e na Ría de Aldán pereceron 12 mariñeiros.

¿E que pasou despois? Ó pouco tempo, debido sen dúbida á mala fe e procedimentos empregados por outros mariñeiros de fóra de aquí: dinamita, cal e outras sustancias, así como a citada pesca intensiva, a sardiña foi escaseando nas rías, de tal maneira que case non compensaba o traballo dos que se adicaban a tales faenas, cando non se empeñaban, xa que tiñan que mercar o engado e non obtiñan resultado.
Isto desencadeou unha crise fonda en tódolos fogares e sucedeu que de 14 traíñas quedaron a metade, e destas estiveron abandonadas nas marxes da ría algunhas, sufrindo as inclemencias do tempo. Os seus tripulantes, con fondo pesar, tiveron que abandonar a terra e emigrar a lonxanas latitudes, na precura do sustento diario para coidar das súas numerosas familias e pagar as débedas que deixaron debido ás escasas ganancias que percibiron.

Se isto non fora suficiente, en agosto de 1911, preséntase unha nova situación, aínda máis difícil: Outro novo procedimento de pesca, que fire de morte ó que ata agora se viña seguindo. A Traíña quérese sustituír pola lancha motora que lle gaña en velocidade, en traballo, en gastos e en todo, ocasionando este novo sistema a ruína total dos mariñeiros, os cales xa vivían ó día e que agora ven perdidos os cartos que dispuxeron para a merca dos seus barcos e das súas redes, atopándose ás portas da miseria.
É neses primeiros días de agosto cando se produce un amago de motín na praza do peixe cando chega unha lancha motora con peixe para a venda, producíndose un enorme alboroto que fixo que se persoara o Sr. Alcalde D. Buenhijo Pérez Sobrino, conseguindo calmar ós ánimos, os cales estaban excitadísimos. A citada autoridade, co fin de evitar un conflicto de orde pública, prohibiu que o peixe se vendera.

Despois chegaría a modernización ás traíñas tradicionais, dotándoas de motor co fin de abaratar costes de man de obra, da que temos un exemplo no seguinte relato:
"A traíña a motor "DOLORES", con matrícula de Cangas, naufragou na enseada de Liméns (Cangas) no outono de 1931. Ó Parecer, os feitos ocorreron tralas faenas de pesca, cando a embarcación ía rumbo ó seu porto de orixe. Co motor avariado, a traíña recibe un golpe de mar que a anegou, afundíndose cos seus cinco tripulantes."
Ese podemos dicir que é o epílogo desta historia mariñeira.

A historia deportiva das traíñas en Redondela comeza en 1944, o Dr. D. Antonio Ocampo Otero xunto con outros xoves, fundou o Club Deportivo Redondela, do que foi nomeado presidente. O club mantiña equipos en fútbol, ping pong, natación, waterpolo e traíñas, así como outros deportes, conseguindo resultados de relevancia, lamentablemente o Club desapareceu catro anos despois, debido á detención do seu Presidente acusado dun presunto delito equiparado á rebelión militar, sendo condenado xunto con outros dezasete redondeláns a penas que oscilaron entre os dous e os dez anos de cárcere, a el caíronlle nove anos.

Fontes consultadas:

Semanario Local "El Pueblo", colección de Luís Pereda.
Semanario Local "La Idea", colección de Luís Pereda.
"Antonio Ocampo, bodas de oro ..." Antonio Ocampo Otero.
Caderniños do Instituto de Chapela, n? 2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964). Coordenador: Xoán Miguel González Fernández.