|
O noso biografiado debeu nacer na década de 1810. Era o primoxénito do matrimonio formado por D. Nicómedes Martínez e Dª Josefa Saco, quen tiveron tamén por fillos a Felisa, Tomasa e José, así como a Luís, que finou en estado célibe. A familia tiña establecido o seu domicilio no lugar da Igrexa, parroquia de Torroso (Mos), ainda que é posible que o esposo fose orixinario de Sanguiñeda. D. Nicómedes exerceu de escribán do Concello de Mos entre 1817 e 1833, pasando logo a ser secretario do Xulgado de Primeira Instancia de Redondela, praza pública na que permanecerá ata o seu pasamento en 1840; ó mesmo tempo desempeñaba o cometido de notario. Este oficio lle permitía manter unha desafogada situación económica; extremo este que ven confirmado polo substancioso dote de 30.000 rs. que ofreceu o seu sogro polo matrimonio.
![]() Redondela en 1890.
Na década de 1830, cando Ramón M. Saco ocupaba o posto de secretario do Axuntamento de Mos, casou con Dª Benita Queimaliños, tendo descendencia. Era esta filla do avogado e asesor letrado da administración de mariña de Redondela D. Bernardino Queimaliños e de Dª Basilia Lahera, e polo tanto irmá de Bernardina -enviudou xove do licenciado en dereito D. José Seijo Lovariñas-, Dámaso, Carlos e Ceferino. O nivel económico desta familia cabe calificalo de acomodado, pois Dª Basilisa foi dotada polo seu tío, o abade de Alcabre, con 44.000 rs., aportando ó matrimonio outros 11.000 rs. máis. Eran parentes tamén do abade de Barcia de Mera e do mismísimo bispo de Ourense.
O sistema de sufraxio censitario restrinxía o dereito a voto a aqueles que pagasen por riba dunha determinada en concepto de impostos ou ós que estivesen especialmente "capacitados" en razón do seu oficio. Martínez Saco pertencía á categoría dos primeiros, e se atopa entre o exclusivo grupo de 21 cidadáns de toda Redondela inscritos por ese concepto no censo electoral de 1863.
A política cada vez máis represiva e persoalista de Narvaez forzará unha alianza entre progresistas e unionistas que lideraba o xeneral Prim, froito da cal é a Revolución de setembro de 1868 -chamada A Gloriosa-, que expulsou ós Borbóns do trono de España e trouxo un novo réxime democrático que sobrevivirá durante seis anos en medio de continuadas e fondas crises políticas. |
|
Era a hora que tanto había anhelado Martínez Saco. É mesmo posible que formase parte da Xunta Revolucionaria da Provincia de Pontevedra. Esta, en outubro, procederá a renovar a Deputación, designando novos membros; así, en representación do distrito de Redondela noméase a Ramón M. Saco, que levaba como suplente a Luciano Fernández. A súa participación no organismo provincial será escasa, asistinto só ata finais dese ano, e logo no mes de abril e primeiros de maio de 1869; estos corporativos cesarán no cargo en febreiro de 1872. Das súas intervencións destaca o apoio á restitución da independencia dos concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén que foran agregados pola Xunta Revolucionaria ó de Redondela (sesión de 28 de outono) e a solicitude dunha subvención de 8.000 escudos para que se remate de construir o camiño de Redondela a Moscoso por Amoedo (xuntanza de 14 de nadal).
|
![]()
O xeneral Prim.
|
|
Neste clima de euforia revolucionaria, Martínez Saco catapúltase de novo á alcaldía de Redondela, desbancando ó conservador Tomás Otero, na que nominalmente permanecerá ata que en febreiro de 1872 entre outra corporación municipal, presidida por Ramón F. Pardo Ferro. O seguemento das actas dende 1870 desvela que en realidade Martínez Saco presidiu os cabidos consistoriais unicamente ata o xullo dese mesmo ano, e despois no breve período que vai de xaneiro a marzal do seguinte; nas súas ausencias quedaba a cargo o Alcalde Segundo D. Ulpiano Sestelo Veiga. No que resta de Sexenio democrático Ramón M. Saco manterase á marxe da vida política municipal de Redondela, que, por certo, en 1873 se verá sacudida por un soado escándalo que inhabilita a Pardo en dúas ocasións. Tamén é merecente de lembranza que algúns dos que con el compartiron goberno recuncarán baixo outros réximes de ben distinto signo; este xiro será especialmente chamativo no caso de D. Genaro Borines, alcalde durante a dictadura do xeneral Serrano (marzal-agosto de 1874) e de D. Ulpiano Sestelo, que o será nos comezos da restaurada monarquía alfonsina (1881-83).
Pero ha ser durante o Sexenio Revolucionario cando Martínez Saco acade o cenit da súa longa e teimosa carreira política, un canto de cisne que marcará o seu definitivo retiro da palestra pública. Nas eleccións de marzal de 1871 gaña un escano de deputado a Cortes; Taboada Roca no seu libro sobre as "élites provinciais" afirma que estaba afiliado á corrente progresista democrática. Esta lexislatura amadeista estivo marcada polas disensións no seo da maioritaria coalición gubernamental, entre os radicais de Ruíz Zorrilla e os constitucionalistas de Sagasta; as tormentosas sesións suspendéronse ata outubro, e o parlamento quedou disolto en xaneiro de 1782. En maio Martínez Saco andaba de volta en Redondela.
A Restauración borbónica consagra o sistema do bipartidismo turnista baseado no caciquismo electoral que deseña Cánovas, marxinado do xogo parlamentario ás demais opcións políticas; é o fin do ideario que sempre defendera Martínez Saco. Sen embargo, todavía a súa figura concitaba certo respeto e simpatía na oposición ó moderantismo. Coa chegada por vez primeira dos liberais de Sagasta ó poder, asume o ministerio de Estado o marqués de la Vega Armijo, quen en febreiro de 1881 nomea gobernador civil de Pontevedra ó seu home de confianza, o polémico Eduardo Matos. Este, en abril, acomete unha "limpeza" da Deputación Provincial, expulsando dela de xeito expeditivo a tódolos conservadores; para ocupar os escanos vacantes chama, entre outros, a Ramón M. Saco, pero este renuniciará -xunto con Juan Tapias- sen dubidalo, entrando no seu lugar Luciano Fernández Gándara. Será o último e fulgurante destello dunha estrela que se apaga.
Fontes históricas: ARQUIVO HISTÓRICO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Nota: Este artigo inédito de investigación histórica está destinado únicamente á súa lectura e consulta nas páxinas de Internovas, desautorizando o autor a reproducción total ou parcial do mesmo por calquer soporte sin a súa expresa licencia. |
|