Boa parte da dilatada vida política de Ramón Mª Martínez Saco transcurre en tempos do reinado de Isabel II. Definitivamente consolidado o réxime constitucional en España, asístese a un contínuo enfrontamento entre as dúas faccións do liberalismo, a moderada e a progresista, en pugna polo poder. Como fose que o doutrinarismo dos primeiros outorgaba máis atribucións á Coroa, esta inclinábase sempre por chamalos a gobernar, de xeito que ós progresistas non lles quedaba outra saída que recurrir ós pronunciamentos militares, golpes de forza que non poucas veces estaban abocados ó fracaso; nestas revolucións xogaba un papel moi relevante a Milicia Nacional, formada por cidadáns armados. Os bandazos da enmarañada política desta época isabelina levarán a que a penas disfruten do exercicio do poder. Logo, dende a revolución de 1854, entrará en xogo o centrismo de tinte conservador de O´Donnell baixo a etiqueta "unionista", e pouco despois os progresistas vianse sobrepasados pola esquerda polos demócratas, a quen sempre se tentou de marxinar do esceario público. Todo este sistema virase abaixo durante o Sexenio Revolucionario. Isabel II
A raiña Isabel II

De revolución en revolución, sempre militando no progresismo

Vigo segue a ser nesta época a cidade que marca o pulso da bisbarra tanto no eido económico como no político. Nos finais da década de 1830 vaise forxando un grupo de activos progresisas de extracción altoburguesa (avogados, industriais, comerciantes), capitaneados polo infatigable Ramón Buch, a quen seguen en primeira fila Tapias Ferrer, Curbera, Molíns, Fontano, Fernández Carballo -xenro de Chao-, etc. Este núcleo olívico encádrase dentro da facción ayacucha que lideraba o xeneral Espartero, e se sumará a canto movemento revolucionario prenda en España, como veremos, con desigual fortuna.
Despois da marea progresista de 1837, os moderados dominarán tanto o parlamento como os desacreditados gobernos que se irán sucedendo. Durante o ano 1840 se aprobarán un conxunto de leis claramente restrictivas das libertades e partidistas, ó tempo que Espartero se enfronta á rexencia de María Cristina. Prodúcese entón una oleada de pronunciamentos, que en Vigo cristaliza o 7 de setembro. Cando as tropas gubernamentais asediaban a praza a súa Xunta Revolucionaria nomea capitán xeneral a Iriarte -man dereita de Espartero-, quen en agradecemento restitúe a capitalidade provincial perdida despois do Trienio; ó pouco, o alzamento triunfará en toda Galicia.
Espartero
O xeneral Espartero
O 2 de novembro o novo comandante militar trasládase a Pontevedra en calidade de subinspector da Milicia, pero alí se atopa con que as autoridades locais néganse a recoñecelo; no fondo está o recelo que suscita a capitalidade viguesa. Hostilizado e aillado, Ramos Matador chama no seu auxilio á Milicia olívica, que cun simple alarde de forza ocupa a cidade, onde se manterá acantonada durante uns días; a situación tornouse moi tensa e a piques estivo de culminar nun enfrontamento. Nesta expedición tomou parte o xove Ramón Martínez Saco ó mando dunha compañía de granadeiros de Redondela, quen asina xunto cos outros mandos un escrito de protesta polas vexacións sofridas no tempo da súa estadía en Pontevedra. Non sabemos cando se formou esta milicia; o certo é que, a pesar da presión das autoridades, en 1835 fora imposible montala cos veciños máis pudientes, e por riba, algúns deles simpatizaban co carlismo. Documentamos, pois, por vez primeira a decidida adhesión de Martínez Saco á causa progresista.

Nin decir ten que, como se convertirá en norma, a Xunta viguesa -a cal agora rixe a provincia- substituirá a funcionarios e autoridades que non consideraba adictos por outros da súa confianza. En Redondela, foron destituídos o xuiz e o promotor fiscal, pasando a ocupar eses postos Fernando Paradela e Francisco Portela, respectivamente.
O ambiguo pronunciamento de xuño de 1843 auspiciado por unha espúrea entente de antiesparteristas e moderados, acabou esmorecendo en Vigo en beneficio dos conservadores. Sen embargo, a nova situación deu asas ós progresistas, e nas eleccións á Deputación de outubro arrasa no distrito de Redondela -con 1.110 votos, o 80 % do censo- o tandem formado por Martínez Saco como titular e Juan Manuel Pereira no posto de suplente, quen só se atoparon cunha mínima oposición en Soutomaior. De pouco valerá este triunfo, xa que se vai ver axiña truncado polos sucesos revolucionarios; unha vez sofocado o pronunciamento, procederase a unha nova elección, entrando en decembro un ainda inexperto Manuel Troncoso Almansa, que se convertirá co tempo no septiterno deputado por Redondela durante o resto da época isabelina.

Os moderados encargáronse de cercenar as xuntas, abren camiño ós conselleiros ultramontanos de Isabel II e impoñen un goberno conservador. Como resposta, a finais de outubro pronunciase Vigo, pero os antiesparteristas non apoiarán esta revolta; isto sumado ás enérxicas medidas tomadas polo capitán xeral e, sobre todo, polo fanático gobernador civil Ventura Díaz, conseguiron que Vigo quede aillado. Ante este fracaso inicial, algúns sinalados progresistas doutras localidades da provincia fuxirán a Vigo, caso de Juan Ramón Patiño, de Vilagarcía, e de Ramón Martínez Saco, Juan Manuel Pereira e máis o xuiz e o fiscal de Redondela. Ó último acusarase de ameazar ós homes licenciados do exército para que se sumen ó alzamento, e de Martínez Saco di o gobernador Díaz que está dedicado al espionaje contra las tropas leales -acantoadas en Pontevedra despois de fracasar no asalto á praza olívica- y promoviendo la rebelión en otros puntos de la provincia.

Nunha acción desesperada, Iriarte, que mandaba as forzas viguesas, fixo unha saída para sublevar a Ourense, pero fracasará, entregándose ás autoridades portuguesas; parece que nesta frustrada expedición acompañouno Martínez Saco. O 11 de novembro Vigo capitulaba, e os máis comprometidos fuxían ó exilio, caso do capitán do exército Ebasio Rubín, que escapou a O Porto.

Os moderados, baixo a sombra de Narvaez, desenvolveron unha política lexislativa e de goberno á súa medida (Constitución de 1854, Lei de Axuntamentos, etc), ante a impotencia dun progresismo desunido. En Galicia, as autoridades dedicáronse a perseguir ós enimigos do réxime. A guarnición militar de Vigo pronunciase con éxito o 9 de abril de 1846; dous días despois unha columna ó mando de Sebastián Arias restitúe en Redondela a corporación municipal de 1843, presidida por Francisco Ricón -que logo será perseguido-, expulsando da alcaldía ó conservador Manuel Sestelo. O día 27, co victorioso avance das tropas do capitán xeneral de La Concha, vóltase á situación política anterior.
Tomaron parte activa na revolución viguesa Indalecio Rubín -empregado do Lazareto-, que é nomeado concelleiro do axuntamento, e, sobre todo o brigadier Leoncio Rubín, quen tivo unha desafortunada actuación ó mando dun dos corpos de exército progresista. Tamén o avogado Antero Rubín será logo confinado a Arzúa por sospeitarse que mantiña contacto cos exiliados.

Narvaez
Narváez
Nada sabemos sobre o protagonismo de Ramón Martínez Saco no tempo que durou o alzamento, pero fuxirá con outros moitos militares e líderes progresistas -sobre os que pesaba a pena de morte- a O Porto, onde permanecerá exiliado ata que novembro se acolleu á amnistía decretada polo goberno. Amais de el, retornará tamén o redondelán José Mª Canido, que escapara por Monçao. Cinco paisanos de Reboreda e Cedeira, todos veteráns do exército, que se sumaran voluntariamente ás milicias revolucionarias, sairán dos escondites nos que estaban agochados para beneficiarse do indulto.
Nos anos seguintes Narvaez convertirase no home forte do poder, gobernando dun xeito autoritario e persoalista, en medio dun clima de corrupción e burocratización do estado. As Cortes a penas se reuniron, e o bando ultra tentou de reducir ó mínimo o sistema constitucional, provocando o malestar e alarma entre as propias filas moderadas, ó que propiciará un acordo tácito cos progresistas. En xullo de 1854 sucédense os pronunciamentos en toda España, que darán pasó ó chamado Bienio Progresista. En Pontevedra noméase gobernador civil ó redondelán Juan Manuel Pereira, quen será substituído ó pouco a raíz dun enfrontamento cunha corporación viguesa que se escoraba cara a un incipiente unionismo conservador; o partido premiará os seus servicios cun acta de deputado a Cortes. Por certo, entra asimesmo a desempeñar a comandancia militar Leoncio Rubín, quen na primeira proclama institucional deixará entrever a súa adhesión ó unionismo.

O R. Decreto de 7 de agosto mandaba restablecer ás Deputacións cos membros que a compoñían en abril de 1843, suplíndose as vacantes con aqueles que ocuparan o cargo nos tres anos anteriores; correspondíalle así a representación de Redondela a Leodegario Rubín, pero como houbese discrepancias na interpretación da lei neste distrito e no de Vigo, unha semán despois decídese que non se incorpore, ó que foi considerado como unha aldraxe por parte de Rubín. Reunidas as primeras autoridades locais de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Mos, acordan por unanimidade escoller como novo deputado a Ramón Martínez Saco; sen embargo, este presentará a renuncia un mes despois por preferir o desempeño da alcaldía redondelana, á que chegaría despois de gañar as eleccións por compromisarios celebradas uns días antes. Non se mantivo moito tempo no cargo, pois en xuño do 55 presidía a corporación Vicente García. En decembro desde mesmo ano a Audiencia Territorial nomeouno primeiro xuíz de paz -de segundo ó licenciado José Manuel Testa- do distrito de Redondela, e como suplente a Manuel Martínez; este será último dos alcaldes progresistas do Bienio, ata que no verán do 56, tras un golpe de forza de O´Donnell, o novo gobernador civil unionista Manuel Alcaide o destitúa, colocando no seu lugar a José Otero, quen repetirá tras os comicios municipais de marzal do 57. Paralelamente, en agosto do 56 entra na Deputación José Mateo Otero, que nos finais dese mes deixará paso ó incombustible conservador Manuel Troncoso Almansa, avogado e rico rendista.

Un dos aspectos máis escuros da vida política de Martínez Saco foi, sen dúbida, a súa arribada á Deputación Provincial en 1863 e, seguidamente, en 1865, para deixar paso en 1866 de novo a Troncoso Almansa. Isto contradícese coa consigna propuganada pola cúpula dirixente de partido de non concurrir a uns comicios electorais que estaban amañados polo goberno; si ben, en 1865 O´Donnell inclínase por un certo aperturismo ó dictar a nova lei electoral, xesto que atraerá a un sector dos progresistas. Pero, quizais as razóns haxa que buscalas en motivos internos que nos son descoñecidos, como poidera ser o retraimento do deputado que monopolizaba -coa paréntese de Ramón Mosquera en 1850-56- a representación deste distrito dende 1843: Manuel Troncoso, quen só obten un voto nas eleccións de 1863 fronte ós 55 de Martínez Saco. En virtude da normativa de setembro do 63, chegou a predidir en seis ocasións as xuntanzas desde organismo, o que dá idea de que concurría asiduamente ás sesións da Deputación.