A Ría de Vigo, a máis meridional das rías galegas, presenta unha curiosa articulación no seu interior gracias ó angostamento que conforma o "Estreito de Rande" de feito que crea dous espacios claramente diferenciados como son a Ria, propiamente dita, e a interior "Ensenada de Redondela" ou de "San Simón"; esta separación espacial queda ainda máis remarcada polo abrupto desnivel existente entre o propio estreito de Rande e as veciñas alturas que se extenden cara o norte (achegándose ata superar os 500 metros de Chan da Goa e Faro Domaio) e cara o sur (en torno ós 400 metros do Coto Fenteira ou do Pico de San Vicente); é nestas últimas alturas, que pertencen á redondelana parroquia de San Vicente de Trasmañó, onde se localiza un dos conxuntos arqueolóxicos máis interesantes de toda Galicia, a chamada "Necrópole Megalítica de Monte Penide". Trátase dun dos máis grandes conxuntos de enterramentos pertencentes a nosa Prehistoria (en concreto podense englobar no período denominado Neolítico que presenta unha antigüidade en torno Disposición das mámoas en Monte Penideós 5.000 anos) xa que consta de o menos 39 grandes tumbas que se extenden ó longo de varios quilómetros en dirección norte sur e que non acaban aquí senón que ten visos de continuidade en conxuntos de enterramentos moi parecidos atopados nas veciñas penichairas do Vixiador, Cotogrande, San Colmado, Sobreira, etc, chegando a artellar unha extensión contínua de enterramentos (duns 15 quilómetros de lonxitude) de difícil semellanza en todo o Noroeste peninsular. Este tipo de enterramentos está composto, normalmente, por unha grande caixa central (denominada as veces "dolmen") construida por varias laxes fincadas verticalmente, ata conformar un espacio de forma preferentemente poligonal, e outra, ou outras, horizontais funcionando a modo de cuberta ó estar colocadas sobre aquelas; este espacio, que é realmente o lugar de enterramento, foi a súa vez cuberta por un grande montículo, ou "túmulo" de forma semicircular composto por terra e, ás veces, recuberto por unha protección de pequenas pedras (a chamada "coiraza"); trátase en tódolos casos coñecidos de enterramentos colectivos utilizados durante moitas xeracións a xeito de grandes panteóns familiares nos que os corpos dos defuntos descansaban dentro da cámara acompañados de humildes enxovais que servirían non só para despedilos á hora de escomezar esa grande viaxe que supoñía a morte, senón tamén para que puideran utilizalos no máis alá.

Dentro dos restos que nos quedan destes enterramentos tumulares pouco máis permanece que a propia arquitectura funeraria (moitas veces moi desmantelada pola neglixencia das xentes), xa que só uns cantos fragmentos de cacharros cerámicos (restos dos recipentes que contiñan os alimentos do último banquete da despedida do defunto) ou uns cantos utensilios de pedra, as máis das veces especialmente sinxelos (puntas de flecha, machadas pulimentadas, pequenas pezas con gume cortante, etc), nos recordan a presencia daquelas xentes neses dolorosos trances; entre estes últimos materiais queremos destacar a presencia en Monte Penide dunha peza de especial interese que se localizou no medio dunha zona de turbeira situada nas inmediacións dun destes túmulos funerarios e que, polo tanto, podería proceder tanto dun montículo funerario xa desmantelado polo paso do tempo, ou ben pertenecer a un poboado no que habitaban estas xentes e que se localizaría nas inmediacións destes túmulos (na cultura galega ó longo da súa historia é moi habitual a relación física directa entre as vivendas dos vivos e as vivendas dos mortos). A lámina de sílex de Monte Penide
A peza en cuestión se trata dunha "lámina" ou sexa unha peza lítica moi estreita e longa (neste caso de 46 mm de lonxitude por 19 mm de ancho e pouco máis de 3 mm de grosor) confeccionada en sílex de cor blancuzca e que foi extraída do seu "núcleo" orixinal mediante unha técnica de traballo moi complexa que se coñece polo nome de "técnica por presión" (consistente máis que en golpear un bloque de pedra, que era o máis habitual, en presionar con sumo coidado un bloque de pedra especialmente preparado para elo); con posterioridade a ser extraído dese núcleo orixinal esta peza foi truncada mediante un golpe moi abrupto dado nun dos seus extremos (o denominado "distal") polo que sabemos que orixinariamente a peza tivo un tamaño notablemente maior; segundo parece este tipo de pezas (por certo moi abundante en xacementos semellantes de todo o Noroeste e que presenta representantes nas veciñas terras de Vigo, Porriño ou Gondomar) eran utilizados a xeito de longos coitelos ou (cando eran fragmentados en trozos como esta de Monte Penide) creando un gume contínuo ó ser engarzados nun mango de madeira ou oso (moitas veces funcionando como fouces).
A importancia deste tipo de peza ten que ser analisado dende varias vertentes xa que non só se trata dun vestixio arqueolóxico máis que veña a confirmar a presencia de ocupación humana e de actividades económicas nas terras de Redondela nun momento determinado da nosa Prehistoria (neste caso podería ser datado nos milenios IV ou III denantes de Cristo), senón que ten unha transcendencia moito maior ó tratarse o sílex dun tipo de soporte lítico de procedencia claramente allea, xa que o sílex aparece sempre vencellado a terreos xeoloxicamente asociados ós períodos denominados "Secundario" e "Terciario" mentras que aquí, no Noroeste, os terreos son xeoloxicamente moito máis antigos ó pertenecer, maioritariamente, ós períodos denominados "Primario" ou "Precámbrico"; este dato nos debe facer pensar en que tiña que haber fai 5.000 anos un importante fluxo comercial dende zonas moi alonxadas a nos nas que habería vetas de sílex (principalmente estarían situados na Meseta Norte ou no Centro de Portugal) o cal ten que ser demostrativo tanto da existencia de excedentes productivos capaces de ser comercializados como das intensas actividades económicas que precisaban da utilización deste tipo de material ó non atoparse por aquí sucedáneos líticos adecuados (seguramente estas láminas foron utilizadas para a sega dos cereais como o parece confirmar a presencia de brilantes pátinas detectadas nos gumes de moitas destas "láminas"). O feito de que aparezan localizadas no Noroeste, indistintamente, longas "laminas" completas xunto con "láminas " fragmentadas de formas consciente (como esta de Monte Penide), así como a grande ausencia dos núcleos de sílex de onde estas procederían ou dos mesmos restos de talla deben facernos pensar que este comercio de sílex era tan complexo que para rentabilizar o máis posible o transporte (que evidentemente se faría a pé ó non terse domesticados ainda animais de tiro) e aforrar peso se confeccionaban alá nas minas de sílex e se traerían elaboradas xa como "láminas", funcionando estas como unha especie de lingote ou "plantilla base" xa que logo poderían ser utilizadas tal cal chegaban (como longos coitelos como se dixo anteriormente), poderían fracturarse para obter láminas de menor tamaño ou ben poderían fabricarse a partir delas outras pezas que ainda presentan vestixios de que proceden de "láminas" como podería ser o caso dalgunhas "puntas de flecha" ou dunhas pequenas pezas de formas xeométricas que se coñecen co nome de "microlitos". A grande abundancia das láminas localizadas no Noroeste peninsular é mostra evidente desta grande intensidade comercial e de que esta non decaiu ata moito tempo despois, seguramente cando apareceu o metal e se puideron facer pezas semellantes en cobre ou bronce, e ainda que non se poda saber con exactitude o lugar de orixe destes sílex a súa grande abundacia e os diversos tipos de variedades fan pensar na existencia de grandes centros especializados na fabricación e na súa comercialización posterior que tiveron como destino preferente todo o Noroeste Peninsular e dentro del, sen dúbida, as terras do interior da Ría de Vigo.