A partir do século XVII, e auspiciado pola xerarquía eclesiástica, vaise impoñendo en Galicia un tipo de relixiosidade barroquizante que deriva das directrices emanadas do Concilio de Trento, na que se lle dará unha grande relevancia ó culto ós santos, ás formas de piedade exterior, etc. Como consecuencia, ata mediados do XVIII, fundáronse moitas confrarías devocionais e levantáronse innumerables ermidas no país, ben por iniciativa dalgún piadoso podente que deixaba unha renda en troques dunhas misas pola súa ánima (abondan nos pazos), ben a cargo dos propios veciños para dar culto e festexar a algún santo ou virxe da súa devoción. Imos, pois, a facer un rápido percorrido por aquelas ermidas que había na bisbarra de Redondela nos anos do setecentos, e das que hoxe só se conservan en pé unhas poucas.

Capela das Angustias en Santa Mariña Cesantes
A ermida de Santa Mariña, na paraxe homónima, xa existía no ano 1675. Amáis da santa onomástica tamén recibía culto Santa Liberata, que ten a súa capela principal na vila de Baiona; logo, xa no séc. XIX, pasou a compartir a titularidade coa Virxe das Angustías, advocación mariana baixo a que se lle coñece agora. Tamén se recurría a ela nas rogativas organizadas para que o mal tempo non estragase as colleitas. Era propia dos veciños, que coas esmolas sufragaban os festexos, coas preceptivas misas cantadas e procesións. A mediados da pasada centuria medía 50 cuartas. O barrio de Santa Mariña, xunto con outros lugares inmediatos á vila, pasaron a formar parte do distrito da parroquia de Redondela no ano 1904.

Cedeira.
A ermida adicada a Santa Tareixa de Xesús foi unha típica capela pacega, que a mediados do séc. XVIII pertencía ó fidalgo D. Fernando de Castro e Mosoco, residente á sazón na vila de Redondela. Parece que non tiña dotación económica e só se celebraba culto cando o señor e a súa familia pasaban unha tempada na casa.

Nun illote da península da Portela tiña asento a ermida da Virxe do Socorro (e por segunda advocación San Estevo), propia das monxas xustinianas, quen tiveron pleito co párroco de Cedeira por causa de estar situada no distrito da súa freguesía; de feito, nas visitas episcopais incluíase dentro da Vilavella. O retábulo e os ornamentos foron doazón dun crego racioneiro da catedral de Santiago, pero no 1741 pedéronse ó ser saqueada polos enimigos ingleses. En 1781 o altar de San Telmo (patrón do bispado e dos navegantes) estaba inservible. Contaba cun encargado que recibía o nome de "ermitán", a quen en 1754 o abade acusaba de investir as esmolas en fins distintos ó do culto.
A ermida baixo a advocación de Nosa Sra. dos Remedios estaba enclavada no lugar de Canabal. Cara a 1750 tiña por patronos a Clemente Valverde e Manuel de Avalle, ignorándose se estaba dotada con algunha renda. En 1778 non se conservaba en estado moi "decente".

Chapela
A ermida da Encarnación co tempo dará nome ó alto no que se atopaba antano. Era padroado da linaxe fidalga dos Araujo, que tiñan a súa casa solar en Riofrío, a quen tocaba o nomeamento dos capeláns que impartisen as misas de fundación. Esta ermida xa existía a mediados do séc. XVII, e no 1781 mandouse suspender o culto ata que se arranxase, cousa que non debeu acontecer. En 1923 unha veciña edificará unha vivenda sobre as ruínas desta vella capela.

Capela de Santo Paio de Arriba, en ReboredaReboreda
A ermida de Santo Paio era propiedade da veciñanza de Reboreda, quen a matiña coas súas esmolas. Nela unicamente se celebraba a festividade do santo titular o primero domingo de xullo. Tiña unhas medidas en planta de 26 cuartas de longo por 20 de ancho. Conservouse en activo durante o século XIX.

A ermida adicada ó culto de Nosa Sra. da Concepción no lugar de Asnelle foi erixida no ano 1752 por D. Baltasar de Taboas, familiar -unha categoría administrativa- do Santo Oficio da Inquisición, e a sua dona Antonia de Otero, coa carga dunha misa rezada, formando parte dun vínculo ou morgado. Deixaban como patrono ó seu irmán D. Dionisio e como capelán a un dos seus fillos que seguise a carreira eclesiástica.

A ermida de San Boaventura en 1754 era padroado lego dunha María de Souto, veciña de S. Salvador de Queimadelos, polo que cabe pensar a fundara algún parente, que, como era común, prefería por capeláns ós propios familiares, pois daquela exercía como tal o presbítero D. Domingo de Souto, da mesma parroquia de Reboreda. Era de condición "colativa".

No lugar de Arcal, nas inmediación da vila de Redondela, tiña asento a capela de San Xoán Bautista, que era propia das relixiosas do convento da Purificación de Vilavella.
Segundo o erudito decimonónico Avila y Lacueva, en 1786 o bispo Fernández Angulo dispuxo que se desmembrase da freguesía de Reboreda a capela de San Martiño de Ventosela (que na idade media xa fora anexo) cos lugares inmediatos de Vilardemato e Castiñeira, pasando a formar unha parroquia independente.

Redondela
No testamento outorgado en 1740 pola veciña de Nigrán Dona María Calvo, viuva do licenciado -en leis- Méndez Vozmediano, víñase a completar a fundación da capela de Nosa Sra. do Carme que iniciara o seu irmán D. José Calvo (parente do párroco); as paredes e o retábulo coas imaxes fabricáranse uns anos antes. Dispón para dotala varios eidos que tiña no sitio de Agrelo, e deixa como patrono a D. Pedro G. Balbín, veciño e rexedor -concelleiro- de Villaviciosa (Asturias), sendo o capelán un natural da propia vila descendente de mariñeiros. Coas rendas das fincas sufragaríanse a festividade, con asistencia de sete cregos e gaiteiro na procesión, así como unha misa o día de San Xerome, e tres sufraxios pola ánima do defunto abade D. Gerónimo Calvo.
Case nada é o que sabemos sobre a capela do Espíritu Santo, tan só que en 1781 se atopaban en mal estado as paredes, o retábulo e a porta. O bispo ordeará entón a retirada das imaxes á igrexa parroquial.

Trasmañó
En 1673 o fidalgo D. Gaspar Méndez de Sotomayor, fundaba na súa granxa -casa grande- do lugar da Lamosa unha misa tódolos domingos co seu responso na honra da Virxe de Guadalupe, que gozaba de grande sona nesa época tanto en España como no virreinato de México. Esta posesión mantívose en mans dos señores da Casa do pazo de Couto (Sárdoma). Cando o provisor -xuiz eclesiástico- tudense deu orde en 1770 de transferir a esta capela os sufraxios da de San Roque, veuse que non era posible por acharse mui indezente y casi arruinada, co que non debeu tradar moito en desaparecer.

Vilavella
Na casa que o señor de Petán D. Francisco Borja Sarmiento tiña na rúa da Vilavella había unha ermida ou oratorio de descoñecida advocación que non estaba dotada con rendas. O devandito persoaxe era asimesmo patrono da capela maior da igrexa do convento das monxas xustinianas.

O Viso
O santuario de Nosa Sra. das Neves no cumio do monte da Peneda, tivo a súa propia confraría devocional (1649-1860), á que debían pertencer case tódolos veciños do Viso; encargábase de celebrar a festividade de agosto -coa asistencia de 5/8 curas- e uns sufraxios polas ánimas dos asociados defuntos. Tiña un altar colateral adicado a San Xoán Bautista. A comezos do XIX tamén se festexaba o luns de Pascua e o San Miguel de setembro. Na década de 1830 preparábanse ós veciños para gañar o xubileo "procíngula" do convento franciscano de Agrelo. Tamén, nos anos de calamidades, ofrecíanse misas de novenario pidiendo al Señor favorable tiempo para la conservación de los frutos.
Os devotos dadan esmolas de millo, viño, roupas e animais pequenos, e, alo menos dende 1828, tamén os hábitos mortuorios que portaban os rapaces que estiveran enfermos, e dende 1887 caixas fúnebres de párvulos. Algúns romeiros adoitaban pasar a noite nos arredores da ermida, polo que se acendía unha "luminaria" con piñas secas ou alquitrán, logo remprazada por farois de gas.
A ermida ficaba nun terreo do común. O teito era orixinariamente de madeira, sendo substituído antes de 1843 por unha bóveda de pedra, e o chan non se baldosou ata 1825. Os retábulos, feitos en 1747, foron renovados case por completo en 1878, obra do mestre redondelán Aquilino Fernández. En 1840 construirase o escano e muros de perpiaño que pechan o adro e no 1848 o arco do pasadizo da banda norte. En 1889 un raio estragou o cruceiro, fabricándose un novo, que debe ser o actual.

No lugar de Soutoxusto (en tempos freguesía anexa á do Viso) fica ainda a capela adicada a San Vicente mártir, que antano foi propia do morgado do conde de San Román. Durante todo o séc. XVIII e primeiro tercio do XIX pasou por longos períodos de abandono, de xeito que en tódalas visitas episcopais mándase que mentres non se repare se absteñan de celebrar nela. Sen embargo, en 1754 o abade -con excesivo optimismo- consideraba que que estaba útil, engadindo que a devoción do santo titular llama a concurso de mucho pueblo no día da súa festividade. Hacia 1850 estaba cargada con dúas misas cantadas o 22 de xaneiro de cada ano, celebración do San Vicente.

A ermida do Anxo Custodio erixiuse na primeira metade do XVIII por iniciatiba do párroco D. Lucas Vicente Fidalgo nun terreo da comunidade. No interior gardaba as imaxes de San Francisco e San Amaro. Situábase no cabo da chamada vía sacra, onde remataban as procesións xerais. Estivo un tempo arruinada, ata tal punto que en 1749 o bispo manda que se aproveitase a pedra para as necesidades da parroquia, pero cara a 1754 o seu sucesor D. Bernardo F. Torres consegue reparala parcialmente coas esmolas dos fregueses. Parece que non se chegou a restaurar a misa, e trinta anos despois presentaba un estado calamitoso (sen teito, o retábulo caído, etc).

Finalmente, no pazo ou casona fundada no lugar de Alxán por Antonio Rodríguez, que no séc. XVIII estaba en mans da linaxe dos Pereira, había unha ermida adicada ó exótico Santo Tomás de Aquino, á que lle adicaban moi pouco interés (só tiña un retábulo coa imaxe do santo), polo que xa non se visitará a partires de 1749.