|
A represión subseguinte ó rápido triunfo en Galicia do alzamento militar de xuño de 1936 encheu de presos políticos os cárceres ordinarios, e ainda se fixo preciso habilitar outros edificios para dar acollida a un número inxente de opositores á dictadura. Esta sobresaturación das cadeas do sur pontevedrés, motivou que o antigo lazareto das illas de San Simón, inactivo dende había unha década, se convertese en cárcere franquista en outubro dese mesmo ano.
Vigo sempre considerou estas illas da ría como parte do seu distrito municipal, xa que o lazareto era a peza clave do sistema de sanidade exterior dun porto con intenso tráfico transoceánico. Polo mesmo, procedeuse a empadroar regularmente ós habitantes de San Simón, circunstancia administrativa que nos permite coñecer polo miúdo o estado demográfico da prisión en 1940 –isto é, o pouco de rematar a guerra civil-, do que imos ofrecer unha primeira aproximación. Segundo o resume estatístico oficial, había daquela 6 edificios e un continxente de 34 habitantes de dereito e 734 de feito; sen embargo, un reconto individualizado revela unha poboación total de 671 indivíduos, co que a diferencia poidera estar na tropa militar de garda que non se recolle no padrón, ainda que isto non pasa dunha suposición. Cabe, polo tanto, falar dun hacinamento dos prisioneiros repartidos nunha superficie de 250 x 84 m. e no, ainda máis inaxeitado, interior do barco. Este é un dos factores ambientais -xunto coa pésima alimentación, etc- que explica a elevada taxa de mortalidade entre os reclusos. |
Na poboación da illa cabe distinguir dos grupos perfectamente diferenciados: os presos e o persoal penitenciario. Este último estaba formado polo director, o ourensán Segundo Álvarez Iglesias -que Diego San José‚ non cita no seu libro-, quen levaba dous anos neste destino despois de pasar por Allariz, e por dous funcionarios -un recén incorporado-, coas súas respectivas familias. Hai que engadir tamén a media ducia de monxas da caridade, dirixidas pola oscense sor Pilar Romero, que declaraban unha estancia de entre 6 e 12 anos en San Simón. En total, 31 persoas, ás que cómpre sumar, en calidade de "veciños", un mariñeiro, un albanel e dous carpinteiros, veteranos residentes oriundos da zona que se ocupaban dos pequenos labores de mantemento.
A primeira vista non se pode decir que houbese un ano especialmente destacable na chegada dos reclusos, sendo o resultado de capas sucesivas que van desde a súa apertura catro anos antes ata o recente remate da guerra. Sobre as idades, parece deixarse sentir a política posta en práctica dende finais de 1938 polo Director Xeral de Prisións, Maximino Cuervo, de concentrar en San Simón ós reclusos maiores de toda España, estratexia que se saldou con funestos resultados; en 1941 o alcalde de Vigo, Luís Suarez-Llanos, en carta ás autoridades penitenciarias indicaba -esaxeradamente- que cada día se producían de 10 a 12 defuncións, polo que estando saturado o cemiterio de Pereiró e precisándose de 36 litros de combustible para trasladar os cadavres ó de Lavadores, solicitaba permiso para enterralos nun terreo de Cesantes perto do embarcadeiro.
As profesións dos reclusos poñen de manifesto que en grande parte son xentes de extracción popular, abondando as ocupacións vencelladas ó campo, como é propio dunha España predominantemente agraria, e os obreiros das cidades; en contra do que cabería esperar, son moi poucos os mineiros presos, e mesmo que escasean os mariñeiros. Dos demais, unicamente anotar a 2 médicos, 9 mestres, 5 funcionarios do estado, 5 militares e 2 secretarios; tamén aparecen moi poucos comerciantes e industriais, ainda que nesa clasificación inclúense os pequenos negocios. As illas de San Simón levan enriba ese estigma de ter sido durante sete anos prisión política, esceario gris de mortes e miserias humanas; elevemos preces, entón, para que nun futuro próximo a cordura dos nosos dirixentes faga deles un recanto de paradiso do que poidamos disfrutar con ledicia tódolos cidadáns. |
|