|
Redondela foi un territorio xa moi habitado na prehistoria á vista de todos os restos que conservamos polas distintas parroquias. Tendo en conta, ademais, a intensa actividade campesiña e presión demográfica que provocaría a desaparición de moitos vestixios habitacionais e artísticos, a gran cantidade e diversidade de restos que chegou ata a actualide dan boa conta da importancia que tivo este hábitat na prehistoria. Na actualidade, o noso concello conta cun dos maiores conxuntos arqueolóxicos de Galicia e comprende tres períodos destacados e importantes da nosa prehistoria: o neolítico, a Idade de Bronce e a Idade de Ferro. A continuación faremos unha viaxe histórica por cada un destes momentos dentro do noso concello.
Os restos de vida prehistórica que temos no concello son os pertences ó período Neolítico, ó redor do IV milenio a. C. Sobre a montaña chamada Monte Mirallo (ou Penide), que abrangue as parroquias de Caveiro, Negros, Cedeira, Trasmañó e Chapela, atopamos unha concentración de 58 mámoas ó longo dunha gran chaira chamada "Chan das Formigas". Isto representa a presencia no noso concello dunha das maiores concentracións de mámoas das existentes en Galicia. |
|
As mámoas son construccións mortuorias, realizadas con grandes lousas de pedra, formando unha cámara, cubertas completamente de terra, a entrada na cámara facíase mediante un corredor, sempre orientado ó nacente. O túmulo de terra adoita ter entre doce e vinte metros de diámetro. En Galicia existen varios milleiros delas e hai máis de noventa formas distintas que o pobo creou ou herdou para a súa denominación. Nas parroquias arriba referidas, as mámoas son coñecidas como "Minas dos Mouros" ou "Cortellos dos Mouros", e isto xa fai unha referencia á importante tradición folclórica de mouros e tesouros que se desenvolve ó redor delas.
A principal de todas elas é a chamada "Mámoa do Rei", a mellor conservada e con lousas máis grandes. Aínda ata hai poucos anos, cando os mortos de Caveiro tiñan que ser levados a enterrar a Trasmañó, o enterro facía unha parada mortuoria ó pe desta mámoa, que moitos veciños recordan con tódalas súas pedras, rezando os correspondentes responsos. Isto móstranos as reminiscencias que estes lugares de enterramento conservan na memoria colectiva.
O resto das existentes teñen aínda o túmulo de terra en derredor e lousas no seu interior. Ningunha se encontra enteira, xa que todas foron espoliadas ou sufriron agresións de diverso tipo.A existencia de tantas mámoas dá conta da importante comunidade que habitou nestas terras. En ningunha delas se encontraron restos humanos, debido á natureza do chan que non permite a súa conservación, aínda que si son moitos os veciños que recordan ter xogado cando nenos dentro delas no medio de abundantes restos de cerámica. Nos arredores das mámoas teñen aparecido outros materiais que formaban parte de posibles enxovais, como machadas pulimentadas e puntas de frecha de sílex. Ningunha destas mámoas foi escavada, polo que aínda descoñecemos os verdadeiros tesouros arqueolóxicos que poden agochar.
IDADE DE BRONCE
Ó redor do II milenio a.C. fai presencia unha nova cultura nas nosas terras. Os vestixios materiais que nos deixaron foron de dous tipos: por unha parte, as machadas de bronce atopadas en distintos puntos do concello, hoxe custudiadas no muso de Pontevedra: unha en Trasmañó, outra en Cesantes, outra en Vilavella e catro no Viso.
No Monte Mirallo podemos atopar petroglifos repartidos por toda a montaña, coas representacións máis variadas: concentracións circulares, espirais, cérvidos, figuras humanas e debuxos de armas.
A Poza da Lagoa
|
|
|