O arcebispo de Santiago era o señor feudal máis poderoso de toda Galicia, tanto polo número de vasalos como pola extensión dos seus dominios; sen embargo as perdas nesta desamortización non foron demasiado importantes. A venda de señoríos acada o seu momento álxido na década de 1580, e sería por esas datas cando Filipe II segrega da xurisdicción de Redondela o porto e parroquia de San Andrés de Cedeira, entregándollo ó asentista xenovés Giacomo de Bardi, quen fará cesión do mesmo a favor de Mateo Enríquez Herrera. Para estimar o seu valor de venda fixáronse dúas cantidades, unha de 10.000 maravedís por cada vasalo ou veciño -"familia"-, que foi das máis baixas pagadas en Galicia, e outra de 42.000 mvs., por cada milleiro que se pagara en concepto de rendas señoriais ó arcebispo; este último tipo era o habitual en toda a coroa de Castela. O prezo final resultante fixouse en 1.100 ducados, incluíndose nos mesmos os gastos da operación.
Sen embargo, o bacharel Prego de Montaos perdeu o litixio interposto por impago e o couto de Cedeira voltou ás mans do banqueiro xenovés. Este anaxenouno definitivamente a Lopo Osorio del Mercado, alguacil maior da Inquisición, quen o entregará en dote ó seu fillo D. Juan Osorio para que profesase como monxe no convento agostiño de Nosa Sra. da Cerca de Santiago. Os frades venderon o señorío en 1635 a Jerónimo Saravia, polo prezo de 17.500 rs. de prata, cantidade de case ó completo pediu en préstamo ós propios monxes compostelanos. Trátase dun home de negocios xudeoconverso de orixe portugués afincado en Vigo -fuxindo quizais do Santo Oficio luso-, que para dignificar a súa linaxe ocupou un rexemento no concello olívico (c. 1606-15) e converteuse en pequeno señor de vasalos ó facerse co couto de Cedeira. Nesta mesma liña, a súa filla Dª Leonor Pereira casaba co capitán D. Blas Pinto de Negreiros -portugués quizais-, cabaleiro da Orde de Santiago, e un dos veciños máis ricos de Vigo en 1660 -pouco antes de morrer-; en só unha xerazón o sangue dos Saravia misturábase xa co da nobreza. En 1686 o señorío de Cedeira pertencía a D. José García Portillo e a sua dona Dª Ana María de Rivera, residentes en Vigo. Parece que tiñan intereses na Corte. Moi posiblemente por vía feminina entrou a enseñorear o couto cara a 1695 D. José Pestaña y Lamas, primoxénito de D. Matín de Lamas e de Dª Ana Ordoñez de Rivera, oriundos de Montealegre e de Cacabelos respectivamente; o seu abó D. Antonio Pestaña obtivera executoria de fidalguía da Real Chancillería de Valladolid, polo que en 1701 foi incluido no padrón de nobres de Vigo. A este sucedeuno en torno a 1720 o capitán de granadeiros D. Blas Francisco Pestaña. Este en 1742 estaba agregado á plana maior de Pontevedra, e foi tamén gobernador interino da praza de Vigo. Pouco despois, en 1756, D. Juan Francisco Pestaña ocupaba o cargo de gobernador militar da provincia de Tucumán, no virreinato de Río de La Plata (hoxe Arxentina).
En calidade de foreiros pagaban ó arcebispo de Santiago, 9 ferrados "de pan mediado" cada ano, os memos que percibían dos seus colonos; agora ben, este balance tan ben cadrado resulta sospeitoso ó aparecer nunha fonte fiscal. Por riba, ingresaban 16,5 reás por réditos de censos hipotecarios. A comisión de veciños que elabora as respostas do catastro de Ensenada (1752) declara que os señores non percibían dereitos de vasalaxe dos veciños de Cedeira, pero sospeitamos que iso non era de todo certo. O que sí recoñecen é que os señores xurisdiccionais nomeaban ós cargos públicos, que eran un xuiz-alcalde (que exercía ese ano D. Baltasar Mariño) e dous rexedores do seu pequeno Concello, amais de tres procuradores de causas e un escribán numerario. Tina daquela Cedeira 190 veciños ou familias fiscais -pouco máis de 800 persoas-, adicadas case na súa totalidade á labrar a terra, con 4 xastres, 5 carpinteiros, 1 só mariñeiro, 26 viuvas e outras tantas solteiras "con casa aberta". A abolición dos señoríos foi decretada polas Cortes de Cádiz en 1811, quedando incorporada a súa soberanía á Nación. |
|